4º OBRADOIRO DE HORTA CON XACOBE- 6ºEP
A nosa horta énchese de cor: facemos acuarelas con pigmentos naturais
Nesta ocasión acompañounos Xacobe, outro asesor das rede de ecohortas. O alumnado de 6º de Primaria participou nun creativo obradoiro no que aprendimos a facer acuarelas a partir dos pigmentos das plantas.
Empregando flores e plantas recollidas na nosa horta, así como algunhas especias, elaboramos as nosas propias acuarelas con pigmentos naturais. Para extraer as cores utilizamos diferentes técnicas: nalgúns casos bastou con mesturar os ingredientes con auga; noutros, foi necesario machacar follas e flores nun morteiro para liberar todo o seu pigmento.
Traballamos con ingredientes tan variados como a caléndula, os taxetes, o pirixel, a menta, a albahaca, a canela, a cúrcuma ou o pementón, comprobando a gran diversidade de tons que nos ofrece a natureza.
Este obradoiro permitiunos experimentar, observar e crear ao mesmo tempo, unindo ciencia, arte e natureza nunha actividade chea de cor. Ademais de coñecer mellor as propiedades das plantas, descubrimos que é posible crear pinturas de forma sostible empregando recursos naturais da nosa contorna.
Unha experiencia que nos demostrou que a horta é moito máis ca un lugar onde cultivar alimentos: tamén é un espazo para investigar, aprender e deixar voar a imaxinación.






Comentarios
Publicar un comentario