COÑECEMOS AS LEGUMINOSAS EN 5º e 6º DE EI
Coñecemos o bancal das leguminosas
Esta semana realizamos unha sesión co alumnado de 5º e 6º de Educación Infantil para descubrir o noso bancal das leguminosas e aprender moitas curiosidades sobre este importante grupo de plantas.
Ao longo da actividade coñecemos que son as leguminosas, cales son as súas principais características e por que desempeñan un papel tan importante tanto na agricultura como na nosa alimentación. Falamos das súas propiedades nutricionais, do seu elevado contido en proteínas, fibra e minerais, e da importancia de incorporalas a unha dieta saudable e equilibrada.
Tamén descubrimos que as leguminosas contribúen a mellorar a fertilidade do solo, xa que son capaces de achegar nitróxeno á terra, favorecendo así o crecemento doutras plantas e axudando a manter un cultivo máis sostible.
Na parte práctica da sesión presentamos diversas sementes de leguminosas e propuxemos ao alumnado un reto: identificalas e relacionalas coa planta da que proceden e coa parte que habitualmente consumimos. Foi unha actividade moi participativa que espertou a súa curiosidade e lles permitiu observar con atención as diferenzas de tamaño, forma e cor entre as distintas sementes.








Comentarios
Publicar un comentario